A Tropa de Trapo combinará os contos cun obradoiro participativo no Auditorio para facer reflexionar á rapazada sobre o materialismo ou a cooperación

A Tropa de Trapo continúa este venres 6 de outubro en Cambados a xira ‘Ti tamén contas’, un espectáculo a prol da solidariedade que percorrerá nos vindeiros meses dez concellos socios do Fondo Galego de Cooperación. A partir das 12 horas, no Auditorio Municipal, a compañía compostelá mesturará historias contadas con música en directo e obradoiros participativos para facer reflexionar a máis de 250 estudantes de 3º e 4º de Primaria dos cinco centros da vila: Castrelo, Corvillón, Magariños, San Tomé e Vilariño.


A sesión abrirase cos contos ‘O home feliz’, ‘A pelota’ e ‘Tumbé’, que permiten introducir cuestións coma o materialismo, o traballo infantil ou as catástrofes naturais. A seguir, debátese coas rapazas e rapaces arredor da relación entre a abundancia e a felicidade, o consumo responsable ou a importancia da cooperación, sempre a través de dinámicas activas. Ademais de Cambados, a actividade pasou ou pasará tamén por Barro, Corcubión, Mugardos, Moaña, Soutomaior, Boiro, Arteixo, Vilagarcía e Pontedeume.

A Tropa de Trapo

Marta Ortiz e Brais das Hortas levan dez anos percorrendo a xeografía galega como A Tropa de Trapo, un proxecto co que recollen e crean contos para levalos a escena con música en directo, ben con instrumentos habituais como con outros elaborados a partir de refugallos. Os seus espectáculos, de carácter participativo, buscan un equilibrio entre entreter e educar, cun trasfondo social e unha vertente pedagóxica coidada. Por un lado, ritmo, música, narración áxil e pingas de humor. E, por outro, a convicción profunda da necesidade de falar de valores como a liberdade, a solidariedade, o respecto ou a igualdade.

O Fondo Galego de Cooperación

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade chega en 2017 ao seu vixésimo aniversario.