Fefiñáns actívase na fin de semana con cultura e arte 

Na fin de semana, o sábado 12 e o domingo día 13, a Praza de Fefiñáns, será a capital da oferta cultural, artesana e dos oficios emerxentes cunha nova edición do Mercado da Imaxe que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Cambados.

Seguindo o modelo iniciado o ano pasado, o evento organízase en dúas partes, na Praza instalaranse os postos de artesanía, oficios, artistas e creación contemporánea, mentres que na alameda de Fefiñáns desenvolveránse as actividades culturais complementarias.

O evento foi presentado por Víctor Caamaño, concelleiro de Cultura do Concello de Cambados e polo director de Lobiosome Producións, Antón Mascato, entidade colaboradora na loxística deste certame. Caamaño Rivas, referíuse á convocatoria con palabras eloxiosas “volvemos reunir no extraordinario espazo da Praza de Fefiñáns, nun gran evento lúdico e festivo, ás diversas manifestación de arte, fotografía, artistas gráficos, deseñadores de roupa e complementos, libro, disco e audiovisual, xentes da cultura, creativos e deseñadores de xogo, xoguetes e títeres…  na convicción de que é unha oportunidade para  facer visible a dinamización social, cultural e económica que pretendemos dende o goberno municipal”. O concelleiro afirmou que está traballando en futuros proxectos de dinamización cultural e social da Praza, que incluirán a cultura gastronómica de Cambados e do Val do Salnés.

Pola súa banda, Antón Mascato, director do evento, afirmou que “a praza de Fefiñáns é o lugar perfecto para programar eventos destas características xuntando creadores, músicos, teatro ou títeres, xoguetes e xogos populares, actividades ao ar libre, danza, artes e oficios que recollan a diversidade creativa e artística ”.

Os organizadores fixeron mención especial aos creadores procedentes de Cambados, como a empresa Brazolinda, que crea xogos educativos, ou a firma Deica, de ilustración aplicada a obxectos, ademáis doutras procedentes do Grove, Vilagarcía, Vilanova, ou Ribadumia.  Profesionais de diferentes lugares de Galicia que farán traballos ao vivo durante os dous días do Mercado, encadernadores, deseñadores, artistas, xoieiros e outros profesionais nun evento que reúne arredor de trinta emprendedores de iniciativas variadas. O Mercado da Imaxe complétase cunha programación cultural que inclúe magos, xogos tradicionais, contacontos, obradoiros e safaris de fotografía.